marea de vigo apoia a loita contra a pobreza

26 de Xaneiro de 2017

MAREA DE VIGO APOIA O COMBATE CONTRA A POBREZA E CONSIDERA PRIORITARIAS TODAS AS ACCIÓNS QUE CONTRIBÚAN A REDUCIÓN DOS CASOS DE PERSOAS QUE SE ATOPAN EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL COMO A CREACIÓN DO PARQUE MUNICIPAL DE VIVENDA

A Marea de Vigo quere manifestar todo o apoio e solidariedade coas familias que, inmersas en graves situacións económicas , estanse vendo en situacións de emerxencia social e habitacional, enfrontándose en moitos destes casos a situacións de desafiuzamentos, e en concreto a Marea de Vigo amosa o seu apoio a familia que, nestes días, está sufrindo esta situación en Vigo, familia na que hai ademais dúas menores. Si finalmente a orde de desafiuzamento se ten que executar , e tendo en conta que o prazo de 10 días é totalmente insuficiente para poder buscar unha solución, o Goberno local non pode como Administración pública desentenderse do destino de dita familia.

Marga L. Barreiro, concelleira do GM da Marea de Vigo, advirte que “Marea de Vigo pedirá aclaración dos consecutivos descoñecementos e descoordinación cos xulgados que levan que a familia pida axuda a organizacións, e non aos servizos sociais correspondentes e que deron lugar a que ninguén soubese que se ía a desafiuzar unha familia formada por menores e en risco de exclusión social.”

Por outra banda, o GM da Marea de Vigo considera que a solución non ven dada pola concesión dunha axuda por parte do Concello para que localicen unha nova vivenda de aluguer, pois, tal e como explica Marga L. Barreiro, “os alugueres son altos e a cuantía que se lles designará non cubre a fianza a cal terá que facer fronte, nin soluciona un problema a curto prazo, debido á crise que afecta a esta cidade, tendo en situación de empobrecemento a moitas familias viguesas, e dada a inexistencia de políticas organizadas de vivenda para colectivos en risco de exclusión xa que o Goberno Local non as leva a cabo coa escusa de dicir que as competencias son autonómicas”.

Polo tanto, é prioritario traballar entre todas creando as ferramentas e protocolos necesarios que eviten o maior número de desafiuzamentos, en colaboración coas entidades que correspondan, como neste caso cos Xulgados, implementando as medidas e sistemas necesarios para que a información sobre estes casos chegue de xeito que os Servizos Sociais teñan marxe de actuación para traballar na busca de alternativas dende que se inicia o proceso.

Por outra banda, Marea de Vigo seguira pedindo o Parque de Vivenda Municipal, tal e como fixo no seu día a través dunha moción (rexeitada polo Goberno Municipal) no pasado mes de maio, que podería ter sido de axuda en casos coma este, axudando a persoas e familias en risco de desafiuzamento ou sen recursos para acceder a unha vivenda digna.
A creación do parque de vivendas non é ningunha “quimera” nin unha invención baleira de contido; primeiro, porque a lexislación vixente (lei 7/85 reguladora do Réxime Local) ampara a promoción por parte dun concello de toda clase de actividades e prestar cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal, ademais de especificar que estes exercerán en todo caso como competencias propias a avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en risco de exclusión social.
E segundo, porque xa existe. Iniciativas como as Sociedades Municipais de Promoción e Xestión de Vivenda que funcionan en Cádiz ou Zaragoza, onde se facilita á cidadanía o acceso á vivenda digna en arrendamento ou mesmo en propiedade, ademais de xestionar o rexistro e os parques de vivenda municipal, iniciativas das que Vigo está “a anos luz” se non se ten vontade para cambiar esta situación.

Xunto coa “consecución dun albergue digno sen topes de permanencia, o impulso do emprego local e o fin do retraso nas axudas sociais, equiparándoas ademais co SMI, mais a creación de equipos multidisciplinares de Benestar Social que inclúan axudas psicolóxicas á reinserción, axudaríamos na loita contra a pobreza e a mellorar a situación vital de moitas persoas”, conclúe Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo.