marea de vigo denuncia que vigo siga na cola do gasto social por habitante.

5 de Xullo de 2021

Marea de Vigo denuncia que Vigo siga na cola do gasto social por habitante.

 

Oriana Méndez: “O Goberno de Abel Caballero reduciu o xa raquítico investimento social no pasado ano 2020 segundo os datos do Ministerio de Facenda, algo inadmisible no contexto de pandemia que se viviu dende finais do 2019”.

 

Vigo, 05-07-2021. O Ministerio de Facenda vén de actualizar, cos datos de 2020, a base de datos na que reúne cada ano os orzamentos das entidades locais e a súa execución. “Segundo este organismo – afirma Oriana Méndez -, o Goberno de Abel Caballero segue na cola do gasto social por habitante e aínda o reduce máis con respecto a 2019”.

O “raquítico” investimento social do Concello de Vigo “é unha realidade que vimos denunciando, xunto con distintas entidades sociais, ano tras ano, pero agora, en plena crise e en plena incertidume por mor da pandemia, a situación de milleiros de familias de Vigo é aínda máis grave” apela a concelleirea. “Xusto cando a crise económica, social e sanitaria comezou a golpear, o Goberno local decidiu que os cartos de todas as viguesas e vigueses non foran destinados ao investimento social; algo que, ao noso ver, debería ser prioritario” incide. Segundo datos do Ministerio de Facenda, Vigo pasou dun gasto de 69.9 euros/habitante en 2019 a 68.84 en 2020.

As principais cidades galegas conservan, aínda, o listón colocado polas mareas municipalistas que durante os seus gobernos levaron a cidades como A Coruña, Compostela ou Ferrol ao maior investimento social por persoa da historia recente; superando os 100 euros/habitante. “Mentres, Vigo segue moi por detrás da media galega, co paradoxo de que estamos falando da principal cidade de Galicia” sinala Oriana Méndez. A maior cidade en número de habitantes, nexo fundamental co eixo atlántico que aínda é motor económico e industrial, “ten que seguir padecendo – expresa Oriana Méndez – un raquítico investimento social, tan necesario para milleiros de vigueses e viguesas e para o conxunto da cidade porque só xuntas e xuntos, como comunidade, daremos superado os golpes da crise”.

A concelleira da Marea de Vigo suliña que “Vigo segue sen acadar, nin tan sequera, os 70 euros de gasto social/habitante”. Como xa sinalou o Grupo municipal nas emendas ao Orzamento de 2021: o presente ano, coa suspensión das regras fiscais e coa incorporación de boa parte dos 92 millóns de euros de remanente líquido de tesourería que existía na caixa no 2020, era fundamental aumentar a partida de Servizos Sociais e Promoción Social dos 19,4 millóns actuais aos 29 millóns de euros. Iso permitiría colocar a Vigo nos 100 euros de gasto social/habitante. “Seguiriamos estando por tras do necesario e por tras de numerosas cidades do tamaño de Vigo, pero superariamos esta brecha social na que afonda o Goberno de Abel Caballero cronificando a pobreza e a exclusión social en Vigo” apunta a concelleira.

* Datos extraídos de Ministerio de Facenda