marea de vigo esixe a reactivación das consultas presenciais de atención primaria na cidade.

31 de Maio de 2021

Marea de Vigo esixe a reactivación das consultas presenciais de atención primaria na cidade.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, cualifica como “bastante ridículo que estemos a falar de recuperar a apertura de ocio nocturno, grandes eventos como concertos, ou a chegada masiva de turistas e no tocante ao sistema sanitario e a Atención Primaria estemos aínda cunha clara priorización da atención telefónica sobre a presencial, impedindo o acceso equilibrado das e dos pacientes ós centros sanitarios”.

Vigo, a 31-05-2021. Marea de Vigo denuncia que na Área sanitaria de Vigo, xa antes da pandemia, “a Atención Primaria atravesaba unha profunda crise, consecuencia dos recortes orzamentarios ocasionados polos gobernos do PP” sinala Rubén Pérez. Para Marea de Vigo, é “unha obviedade” que este Goberno da Xunta nunca apostou pola atención primaria. “Adicando apenas o 12% do gasto sanitario e tomando decisións tan discutibles como a de integrar a partida de Atención Primaria nos orzamentos do sistema hospitalario, facendo desaparecer xerencias de primaria integrandoas nas EOXIs así o demostran” engade.

O grupo municipal considera que se dan as condicións sanitarias e de seguridade para que os centros de atención primaria poidan atender presencialmente. “A atención teléfonica e o non contacto co paciente podería chegar a agravar enfermidades ou mesmo xerar problemas á hora da pronta detección, tal e como foi sinalado dende distintos colectivos de persoal sanitario nos pasados meses” apunta Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. Unha situación que, segundo Marea de Vigo, ven a sumarse ademais á suspensión de realización de probas e controles de saúde periódicos sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas e listas de espera para ser atendido/a polo médico de familia con demoras de máis de 10-12 días, “o que non é comprendido pola cidadanía e orixina nela un sentimento de afastamento e desprotección do Sistema Sanitario Público” suliña.

Marea de Vigo comparte cos profesionais do sector sanitario a afirmación de que o contacto e a relación médico-paciente constitúe un dos alicerces esenciais da Atención Primaria, polo que “manter esta modalidade de consulta telefónica ou telemática como base da atención sanitaria, supón unha enorme limitación da accesibilidade, racionalidade e calidade do modelo sanitario – matiza o concelleiro – , que non responde ás necesidades e demandas sociais, xerando malestar social e profesional que vai en aumento, cun deterioro da imaxe do Sistema Sanitario Público”. Estimase que en Galicia, paralizáronse o redor de 3.000 das intervencións quirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnosticas, o que exixe un plan de continxencia para reducila na maior proporción.

Marea de Vigo considera imprescindible e de inmediata necesidade a apertura dos Centros de Saúde con consultas presenciais nun entorno seguro, mellorando a accesibilidade e acabando coas listas de espera e coa discriminación ás persoas maiores con dificultades no manexo das novas tecnoloxías.

“É preciso ademais incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado a Atención Primaria ata un 25% do presuposto en 5 anos, debendo ser estas partidas finalistas (para que non rematen diluíndose noutras partidas) así como acabar coa precariedade laboral do persoal, levando a cabo contratacións e implementando un Plan de Mellora da Atención Primaria que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación” conclúe o voceiro.