marea de vigo esixe unha auditoría ao proceso de contratación do estacionamento da “zona azul”.

26 de Febreiro de 2018

Marea de Vigo pide unha auditoría ao proceso de contratación do estacionamento regulado (zona azul), actualmente xestionado por Dornier e o mantemento do número de prazas do servizo.

Ante a progresiva desaparición de prazas por humanizacións, parques, ou obras como o carril bici, o Grupo Municipal pide que se manteña o número de prazas de estacionamento regulado que figuran no contrato, movéndoas a rúas próximas e respondendo a necesidades coma no caso do Casco Vello.

Vigo. 26-02-2018. Para a Marea de Vigo, esta desaparición de prazas de estacionamento regulado non se fai en aras de converter en gratuítos eses espazos, senón que, ao contrario, ao desaparecer fisicamente as prazas, fórzase á utilización de aparcadoiros subterráneos privados.

Segundo a Marea de Vigo, “existen certos puntos da cidade onde incluso semella non estar clara a súa situación legal, coma é o caso da rúa Cánovas del Castillo. Estas prazas pertencen á autoridade portuaria, mais actualmente están dentro da zona azul, contrato que depende do Concello, e polo tanto, dos seus recursos económicos” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.

Por outra banda, hai puntos nos que están desaparecendo as prazas reguladas, como o caso da rúa Venezuela, que poderían pasar as rúas adxacentes como Simón Bolívar, Nicaragua ou Taboada Leal, nas que actualmente non hai regulación na súa totalidade, axudando á rotación dos vehículos.

En todo caso, para a Marea de Vigo, “é necesario incluír no novo contrato, novas e diferentes modalidades, tal e como existen en cidades similares como na Coruña ou Avilés, adaptadas ás necesidades da veciñanza, tanto para residentes como para as persoas que traballan na zona, segundo os horarios. Este tipo de adaptacións solucionarían problemas como o que está denunciando a veciñanza do Casco Vello, actualmente con dificultades á hora de poder deixar os seus vehículos pola noite, neste caso habilitando prazas en rúas próximas como tramos da rúa Pracer, Paseo de Granada, Cachamuíña ou Romil.” engade Rubén Pérez.