marea de vigo insiste en que a baixada do canon de sogama ao concello debe repercutir directamente nas facturas da veciñanza.

9 de Marzo de 2022

Marea de Vigo insiste en que a baixada do canon de SOGAMA ao Concello debe repercutir directamente nas facturas da veciñanza.

Rubén Pérez: “Cada ano pagamos unha media de 800.000 euros menos de canon a SOGAMA, mais eses recursos acaban no superávit e polo tanto non se reflicten en descontos nas facturas das familias e empresas viguesas”.

Vigo, 09-03-2022. Marea de Vigo insiste en que a redución do canon que paga o Concello a SOGAMA por depositar nas súas instalacións todo o lixo que se recolle en Vigo, debe repercutir nas familias da veciñanza. “No momento no que o Concello paga menos a SOGAMA, xa dende o ano 2019, a cidadanía tamén debe facelo no tocante a ese concepto” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo lembra o mandato da Xunta e de SOGAMA que di que esa baixada do canon debe repercutir na factura do lixo dos vigueses e as viguesas, cuxo incumprimento fai que varios concellos galegos teñan que devolver eses cartos, mais a tenor da consideración que se lle dea en Vigo aos usos deses recursos para evadir cumprir a norma sen ser penalizado, “seguimos esixindo que haxa unha redución no recibo de xeito palpable para a cidadanía, sobre todo nun momento de crise económica como o que estamos vivindo” engade o voceiro.

“Non é aceptable que nun momento de cambio de lexislación sobre o reciclaxe onde se deben fomentar políticas de redución de residuos, a resposta do Concello de Vigo en lugar de fomentar estas accións de xeito que a xente poida velo reflectido nas súas facturas, sexa simplemente seguir enchendo o saco do superávit” conclúe Rubén Pérez.