marea de vigo levará ao vindeiro pleno unha moción pola liberación das patentes das vacinas.

21 de Maio de 2021

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno unha moción pola liberación das patentes das vacinas.

Oriana Méndez: “É preciso que a UE promova de xeito inmediato unha lexislación que faga das vacinas un ben público universal, suprimindo as patentes e evitando deste xeito que o desenvolvemento dos tratamentos, os diagnósticos e das propias vacinas non dependan de monopolios farmacéuticos que controlen tanto os límites de produción coma os prezos, tal e como acontece na actualidade”.

Vigo, a 21-05-2021. A pandemia por COVID-19, con 158 millóns de persoas infectadas e 3,8 millóns de mortos segundo as últimas estatísticas, é unha das crises de maior impacto sanitario e social do ultimo século. “Grazas á investigacion dos laboratorios, financiados maioritariamente a través de recursos públicos, está sendo posible a vacinación nos países da UE, non obstante, estamos aínda lonxe de cumprir os obxectivos no tempo estipulado e poder ter al fin unha inmunidade colectiva aceptable” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Tanto a falta de vacinas contra a COVID-19 coma o incumprimento dos contratos de suministro, “está sendo un gran problema a nivel europeo” apunta Oriana Méndez. “Alén disto, existe unha grave falta de vacinación nos países empobrecidos, froito da utilización das vacinas como unha mercadoría máis, sendo ademais algúns deses países grandes produtores de vacinas” sinala. “É necesario frear a defensa da industria privada fronte ao benestar da cidadanía” engade a concelleira.

Marea de Vigo pretende, coa moción que levará ao vindeiro Pleno, que Vigo se sume ás demandas de ducias de municipios no conxunto do estado nos que tamén se están a aprobar mocións na mesma liña, ao igual que se está a facer dende a Plataforma SOS Sanidade Pública, adherida á iniciativa europea Right2Cure.

Igualmente, a moción da Marea de Vigo insta ao Goberno español a manifestar explicitamente e promover o seu apoio á exención de patentes de vacinas, e á Xunta de Galicia a reforzar as políticas europeas comúns en materia de saúde e a garantir o acceso en Galicia a todas as persoas en igualdade de condicións, “fomentando a vacinación nos centros de saúde próximos ou no seu domicilio cando non sexa posible mobilizar á persoa, mediante a contratación de persoal suficiente para garantir a campaña de vacinación sen saturar o persoal sanitario” conclúe Oriana Méndez.