marea de vigo pide que se fagan públicos os estudos para os pregos da auga e transporte en vigo

4 de Xullo de 2019

MAREA DE VIGO PIDE QUE SE FAGAN PÚBLICOS OS ESTUDOS DOS COMITÉS TÉCNICOS DE TRABALLO MULTIDISCIPLINAR QUE ESTÁN A AVALIAR AS NOVAS CONCESIÓNS DE AUGA E TRANSPORTE

Marea de Vigo pedirá no próximo Pleno do Concello que se normalice o acceso dos grupos municipais, do tecido asociativo e veciñal e das persoas interesadas, aos traballos e actas das xuntanzas dos dous comités técnicos que, formados por funcionarios municipais e concelleiros do equipo de goberno, están avaliando a finalización das dúas concesións e redactando os novos pregos concesionais.

Vigo. 03-07-2018. Oriana Méndez, concelleira de Marea de Vigo-Son En Común sinalou hoxe que: “dende Marea de Vigo-Son En Común xa non concordamos no seu día coa proposta do comité técnico nin tampouco con que a lexítima representación institucional dos vigueses e viguesas expresada no Pleno non estivera presente de ningún xeito, aínda que fora presencial e sen voto. Polo tanto, alomenos agora os traballos destas dúas comisións deben ser públicos”.

Marea de Vigo-Son En Común afirma que o debate técnico ten que conter tamén propostas veciñais e dos propios grupos municipais e, dende a súa constitución o ano pasado, non se teñen informacións dos traballos dos dous grupos técnicos. “Non queremos atoparnos cun traballo xa definitivo e sobre o que non se poida opinar cando estamos ante as dúas grandes concesións públicas que se sacarán a concurso nesta lexislatura”.

Para Marea de Vigo-Son En Común, sen publicidade no proceso cometeranse os mesmos erros á hora de artellar modelos concesionais realmente coincidentes coas necesidades de Vigo e non das empresas privadas que opten á xestionar os servizos. Do mesmo xeito, tememos que a opción da xestión pública directa nin tan sequera se teña en conta por parte do comité técnico.

Marea de Vigo-Son En Común considera que é especialmente grave a falla de información no contrato do transporte polo feito de que “o comité técnico, tal e como figura no prego, ten que comezar os traballos para configurar a toma de decisión unha vez finalice o contrato de transporte colectivo de viaxeiros o 8 de xuño de 2020 e non é un tema menor como para que, dende o principio, a oposición e o conxunto da veciñanza non estean presentes nos devanditos traballos a través de mecanismos transparentes, como Consellos municipais ou información pública das actas da mesa”, afirma Oriana Méndez.