marea de vigo pide que se garanta un consumo mínimo gratuíto de auga ante a subida da inflación.

21 de Marzo de 2022

Marea de Vigo pide que se garanta un consumo mínimo gratuíto de auga ante a subida da inflación.

Mañá, 22 de marzo, celébrase o Día Mundial da Auga, centrado neste ano na reivindicación da importancia das augas subterráneas e o seu difícil acceso para miles de persoas.

 

Vigo, 21-03-2022. Co gallo do Día Mundial da Auga, día reservado por Nacións Unidas para a defensa ao dereito democrático a auga potable, dende Marea de Vigo “facemos un chamamento para a implementación de políticas públicas encamiñadas ao coidado e conservación de recursos naturais fundamentais para a vida como é a auga, e á garantía de acceso universal a este recurso” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo insiste, neste 2022, na necesidade de modificar a ordenanza municipal de abastecemento de auga potable e saneamento, “unha ordenanza que foi modificada para supostamente alentar ao aforro en base á tarificación por consumo real, mais nada mais lonxe da realidade pois na factura este aforro non se pode percibir ao ter pasado os gastos de consumo á cota fixa” sinala Pérez, que insiste en que “un cambio no sistema tarifario nun momento de fortes incrementos fiscais acabará reflectíndose tamén na factura da auga”.

Marea de Vigo segue apostando por un sistema que garanta un consumo mínimo gratuíto de auga, “tal e como acontece en moitas cidades no conxunto do estado, de xeito que no caso de cronificación da situación económica das familias, non implique non ter acceso a un dereito tan básico e universal como é o dereito a un suministro de auga potable sen cortes” engade o voceiro.

Analogamente, neste ano 2022 o día mundial adícase á conservación e protección dos manantiais, augas subterráneas, así como toda a riqueza hídrica das nosas vilas. “Vigo posúe unha riqueza hídrica que debe manterse e por isto tamén reclamamos de novo a eliminación no PXOM do vial que pretende atravesar dende Bembrive ata a VG-20 a través de Beade, Castrelos, Bembrive e Matamá, xa que non conta con estudos rigorosos sobre como vai afectar o mesmo sobre dúas concas hidrográficas esenciais no noso municipio, a do río Eifonso e a do río Barxa”. Unha afectación, segundo o voceiro, que “merece unha reformulación por parte do Goberno local sobre todo no eido medioambiental e en canto á conservación da riqueza hídrica, patrimonio natural fundamental para a nosa cidade”.

Marea de Vigo lembra que seguirá pulando pola remunicipalización do servizo como “medida para garantir un acceso á auga xusto e sostible” conclúe Rubén Pérez.