marea de vigo pide que se priorice a contratación de bandas locais de música cos recursos extra das festas de vigo

27 de Xuño de 2019

MAREA DE VIGO PIDE QUE O MILLÓN DE EUROS QUE SE INCORPORARÁ NO PLENO EXTRAORDINARIO AO PROGRAMA DE FESTAS DE VIGO, E QUE ERA ORIXINARIAMENTE PARA RYANAIR, PRIORICE A CONTRATACIÓN DE BANDAS LOCAIS DE MÚSICA

Rubén Pérez, concelleiro de Marea de Vigo-Son en Común, considera que o expediente de modificación orzamentaria que se quere levar con urxencia ao pleno e no que se incorporarán 100.000 euros ao Convenio do Marisquiño (procedentes da renuncia de subvención de Conxemar) e 1 millón de euros que se incorporan ao programa de Festas de Vigo procedentes da non sinatura da prestación de servizos de Ryanair, ten que prorizar os grupos e proxectos locais.

Vigo, 217-06-2019. Marea de Vigo considera que as bandas locais de música e os proxectos lúdicos de carácter local son os grandes esquencidos das festas de verán de Vigo e pide que tanto no Marisquiño como no desenvolvemento das propias festas esta inxección importante de recursos extraordinarios esté vinculada á contratación de bandas locais de música e a proxectos de animación cultural nos barrios de iniciativa local. “Vigo ten bandas de música de todos os xéneros e proxectos lúdicos e culturais excelentes que quedan ano tras ano fóra das programacións das Festas de Vigo e dispoñer de súpeto dun millón de euros que antes se dilapidaba nun proxecto erróneo de subvención a unha compañía aérea é un bo momento de dignificalos”.

Marea de Vigo non presentará emendas ao modificatorio porque, entre outras cousas a orixe da partidas que se anula non permite, por exemplo, consignar ese crédito a programas sociais ou asistenciais nesta lexislatura; polo que entende como mal menor empregar os recursos para que centos de bandas locais, pequenas empresas culturais, proxectos lúdicos e de lecer, poidan participar na programación de verán que por desgraza, ate o de agora, está exclusivamente centrada en deitar recursos públicos en tres ou catro promotoras, curiosamente as que programan sempre co Concello de Vigo. “Outro debate necesario a futuro é porque non existe un proceso de contratación público mediante concurso aberto e baremación para os concertos de verán, algo que dende o Concello se critica para outros eventos noutras cidades pero se emprega como norma habitual para o caso do Concello de Vigo”.