marea de vigo rexistra unha moción en apoio á mobilización pola sanidade pública do 9 de febreiro

18 de Xaneiro de 2020

Marea de Vigo rexistra unha moción en apoio á mobilización pola Sanidade Pública do 9 de febreiro.

18-01-2020. Na moción, Marea de Vigo pide á Corporación local o apoio á mobilización convocada para o vindeiro 9 de febreiro pola Plataforma en defensa da sanidade pública, ante a situación e perspectivas da mesma na área sanitaria de Vigo tras os recortes de recursos, o desmantelamento de hospitais comarcais, o abandono dos Centros de Atención Primaria, as privatizacións e a precarización laboral que está vivindo o persoal sanitario a consecuencia das políticas da Xunta.

“Estamos ante un momento importante para a nosa vila, na que a Corporación Municipal, e como representantes do conxunto da cidadanía, e indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deberíamos traballar conxuntamente para que en Vigo se poida dispor e acceder a uns servizos sanitarios públicos de calidade. – matizou Oriana Méndez – Non se pode nin se debe admitir o deterioro do noso sistema polos recortes e privatizacións do Sistema Sanitario Público”.

Alén do apoio explícito á mobilización do 9 de febreiro, o Grupo municipal da Marea de Vigo solicita nos acordos da moción a “revisión dos concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade”, co obxectivo de “acabar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes as clínicas privadas de xeito innecesario”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo incide na necesidade da mellora tanto das condicións do persoal, con incrementos orzamentarios e de propio persoal nos centros de saúde, coma das e dos pacientes, coa redución drástica das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos.