marea de vigo -son en común denuncia que o concello non aproveita os convenios urbanísticos como o do barrio do cura para asegurarse vivendas que empregar a futuro nun parque municipal.

17 de Setembro de 2019

Marea de Vigo-Son En Común sigue sen ver claro o desenvolvemento do proxecto do Barrio do Cura e considera que é evidente que soamente 36 de 400 vivendas terán réxime de protección pública (17 en solo urbano consolidado e 19 en solo urbano non consolidado). Por este e outros motivos Marea de Vigo-Son En Común abstívose hoxe na aprobación da modificación puntual do PXOM do 93 que se acordou hoxe na Xerencia de Urbanismo.

Vigo, 17-9-2019. “Lonxe de traballar nos aproveitamentos lucrativos dos convenios urbanísticos, o Concello está evitando ter vivendas en propiedade directa que permitan dotarse de parque co que  dar resposta tanto a situacións de emerxencia como á creación dun sistema de vivenda pública con alugueiros regulados, tal e como funcionan en case todas as grandes cidades do estado –  explicou hoxe Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal – Un sistema que evite, dende a xestión pública, os brutais incrementos nos alugueiros urbanos que estamos a vivir en Vigo e que xa son dos principais problemas aos que se enfrontan as familias viguesas”.

Marea de Vigo-Son en Común lembra por exemplo a errónea decisión de 2014 de acometer a venda das vivendas de Rosalía de Castro, e que un ano despois, xa coa Marea de Vigo no consistorio, foi negada a posibilidade de paralizar a venda cando aínda quedaban 16 vivendas, coa opción de empregar os recursos económicos obtidos, naquela altura 5 millóns de euros, en adquirir máis vivendas con valores catastrais menores para aumentar o parque. “Non se nos fixo caso e finalmente os 5 millóns de euros foron empregados para o rescate infame do Auditorio Mar de Vigo” matizou Rubén Pérez.

No caso do barrio do Cura, o criterio do 30% da reserva para a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública, aplícase, según Marea de Vigo-Son En Común, “de xeito sorprendente á edificabilidade e para os terreos que son necesarios para o proceso de urbanización” e non “ao número final de vivendas existente” polo que, cando estean rematadas as 400 vivendas existentes apenas o 7,5% terán algún tipo de protección. Un proceso máis de converter os centros urbanos en espazos privativos para as clases traballadoras da cidade.

Para Oriana Méndez, concelleira de Son En Común, un feito indicativo disto é “a celeridade de propoñer o túnel soterrado de Porta do Sol con saída en Alfonso XII, un túnel que de xeito descarado é un servizo complementario do proceso de urbanización máis que unha alternativa para o soterramento da Porta do Sol”. “Este proxecto – proseguiu a concelleira – fíxose ademais saltándose varios dos requisitos da UE para os proxectos DUSI, como é a consulta e recollida das demandas da veciñanza da zona”.