marea de vigo-son en común pide participación cidadá nos proxectos de porta do sol e gran vía

6 de Agosto de 2019

MAREA DE VIGO-SON CONSIDERA QUE AS CRÍTICAS VECIÑAIS AOS PROXECTOS DE GRAN VÍA E SOTERRAMENTO DE PORTA DO SOL AMOSAN UN INCUMPRIMENTO GRAVE DOS REQUISITOS DOS FONDOS DUSI: A PARTICIPACIÓN CIDADÁ E DOS AXENTES SOCIAIS NOS PROXECTOS FINANCIADOS POLA UE.

Marea de Vigo-Son En Común denuncia que non se constituíu o Comité de Participación que mandata a execucións dos proxectos.

Rubén Pérez: “Dentro da estratexia para a implementación destes fondos europeos, e tal e como reflicten as bases do proxecto, a participación cidadá e dos axentes sociais debe estar presente no proceso de redacción dos proxectos, no seu seguimento e mesmo na avaliación do cumprimento dos obxectivos marcados, algo inexistente nestes proxectos.”

Vigo, 06 de agosto de 2019. Marea de Vigo-Son En Común lembra que este requisito participativo é obrigatorio e mesmo no PROXECTO VIGO VERTICAL que foi presentado para a concorrencia a estes fondos europeos figura un capítulo facendo referencia a estes mecanismos.

No relato argumentado polo Concello óbviase a participación do tecido veciñal, das asociacións de comerciantes e mesmo emprégase o regulamento de participación cidadá de 1991 ou o consello municipal de cooperación Internacional e Solidariedade como “actuacións sectoriais ligadas ao proxecto”, algo que é a todas luces falso porque ningún dos mecanismos de participación ligados a elementos municipais están actuando na elaboración da estratexia e especialmente na fase actual de execución.

Para Marea de Vigo-Son En Común as críticas de veciños e veciñas residentes, do tecido veciñal, das asociacións de comerciantes amosan a “nula” execución do seguimento da estratexia DUSI Vigo Vertical nas fases de redacción e execución dos proxectos. Nin se presentaron os proxectos, nin se estableceron os mecanismos de participación e información públicas que a propia UE marca: actividades e actos públicos para o lanzamento do proxecto concreto, con asistencia aberta e difusión concreta dos proxectos entre os axentes sociais que poden ser afectados.

Dende a enquisa feita en 2015 vía online de Plan estratéxico de desenvolvemento sustentable ”non se teñen habilitado mecanismos que avalíen a coherencia das actuacións previstas financiables con estes fondos e a resposta cidadá aos mesmos unha vez implantados, é dicir, non existe unha xustificación de que se estea levando a cabo o seguimento continuo que correspondería ao Concello de Vigo.

Marea de Vigo-Son EN Común lembra que o proxecto VIGO VERTICAL di literalmente que:“durante o proceso de execución das actuación terase en conta á cidadanía por un lado e aos axentes sociais e económicos por outro mediante mecanismos anteriormente descritos. Así mesmo crearase un comité de participación que incluirá a axentes sociais, asociación veciñais, etc… cos que manterá xuntanzas periódicas para contrastar logros e os efectos conseguidos coas actuación en marcha e poder redirixir o proceso de execución”