marea de vigo valora positivamente que o goberno local estime parte das súas emendas á ordenanza de terrazas mais bota en falta o papel fundamental do consello municipal de accesibilidade.

19 de Xullo de 2021

Marea de Vigo valora positivamente que o Goberno local estime parte das súas emendas á Ordenanza de Terrazas mais bota en falta o papel fundamental do Consello Municipal de Accesibilidade.

“A nova Ordenanza Reguladora de Terrazas debe basearse na conciliación entre a actividade hostaleira, o dereito da veciñanza tanto ao descanso coma ao tránsito e a seguridade á hora de afrontar calquera emerxencia neses espazos” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Vigo, 19-07-2021. Tras recibir a contestación por parte do Goberno local ás emendas da Marea de Vigo á proposta de Ordenanza Reguladora de Terrazas, na que se asumen varias das propostas formuladas polo espazo municipalista, “se ben é certo que das quince emendas presentadas, estímase parte delas, as que versan sobre dotar dun maior carácter consultivo ao Consello Municipal de Accesibilidade, para que este puidera avaliar, segundo a casuística das rúas, a colocación de mesas e cadeiras nas mesmas, non foron tidas en conta” lamenta Rubén Pérez. “Seguimos pensando que o criterio de accesibilidade no deseño das rúas é absolutamente central” engade.
Sobre as emendas da Marea de Vigo que si foron recollidas, está a que trata sobre a altura dos toldos colocados nas fachadas dos recintos e sobre a distancia mínima ás alcorques das árbores (alo menos dous metros en ambos casos). Alén destas, o Goberno local estima a que a Marea de Vigo considera “esencial”: a existencia dun carreiro peonil libre dun mínimo de tres metros en todas as prazas públicas onde se instalen terrazas para a hostalería. “Isto é vital xa que en situacións de emerxencia ten que haber espazo para una ambulancia ou un camión do servizo de bombeiros” matiza o voceiro.
Igualmente, segundo explica Rubén Pérez, “seguimos pensando que é preciso crear unha estratexia de accesibilidade compartida coas asociacións que traballan con persoas con discapacidades, coma as que están, aínda que sen convocar dende hai anos, no Consello de Accesibilidade, e seguiremos solicitando a súa convocatoria e participación en cuestións como o desenvolvemento desta Ordenanza Reguladora de Instalación de Terrazas”.