moción abril 2017. por un plan contra a pobreza e o cumprimento das proporcións de traballadora/dor social por habitante.

27 de Abril de 2017

Por moito que os poderes públicos e os intereses económicos queiran agochalo, os datos sobre pobreza na nosa cidade non deixan de incrementarse. Somos, por exemplo, a cidade galega onde se incrementou máis o número de solicitudes da RISGA nos pasado anos, triplicándose dende o inicio da crise.

Algunhas administracións locais, como é no caso de Vigo, tratan de establecer medidas para paliar dalgún xeito os efectos tanto da situación na que se atopan centos de familias, mais estas, acaban supoñendo unha acción de beneficencia mais que unha ferramenta útil para as persoas que precisan unha saída. Ademais, non son competencias directas da administración local, polo que tampouco existen recursos suficientes para soster programas sociais, formando parte dos gastos impropios que as administracións locais asumen pola “ausencia” das outras administracións que si teñen competencias e recursos.

No Concello de Vigo existen varios programas enmarcados dentro do departamento de servizos sociais, a través dos cales están chegando milleiros de solicitudes para acceder aos programas puntuais de axudas, como os relacionados coa escolarización das nenas e nenos, os programas de axudas extraordinarias para familias, ou ben as axudas de emerxencia social, activas durante todo o ano de xeito ininterrompido.

Polo tanto, á vista da situación e á vista do número de solicitudes que se fan no noso Concello para poder acceder ás axudas, existe un lóxico incremento do traballo nas áreas relacionadas con Política Social. Isto non soamente concreta na cuestión das axudas económicas, senón que ademais, increméntanse substancialmente as citas presenciais coas/os traballadoras/es sociais, xerando un volume de traballo moito maior do que somos capaces de manter.

Neste punto, é preciso ter en conta, e como punto de partida, o establecido no DECRETO 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, no que vén expoñer a proporción de traballadoras/es sociais por habitante que debe ter unha administración local para poder dar unha atención básica en materia de servizos sociais. No caso de Vigo este número debería ser de unha traballadora/dor social por cada 8.000 habitantes. O que temos agora mesmo é 1 por cada 17.700, e dicir, faltan 18 traballadoras/es sociais, o que vén sendo practicamente o mesmo número das/os que hai en activo.

A responsabilidade desta realidade, e por tanto, a capacidade de poñer algunha solución, é compartida entre as administracións e as persoas que pasaron por elas durante os últimos anos. Por unha parte, froito das políticas de recortes que se levaron a cabo desde o Goberno do Estado, a lei de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira fixa unha taxa de reposición do persoal da administración pública que incapacita as entidades locais a cubrir todas as prazas vacantes e necesarias a través de oferta pública de emprego. Mais, por outra banda, e neste caso no Concello de Vigo, pódense cubrir a meirande parte delas a través de nomeamentos interino por acumulación de tarefas, mais isto non se está levando a cabo e a situación xerada é de sobrecarga de traballo e, polo tanto, atraso na resolución dos expedientes.

É necesario poñer a vontade, colaboración e ferramentas necesarias para poder afrontar a realidade do xeito máis eficiente. Estamos falando da vida das persoas, polo que este traballo debe ser prioritario dentro das responsabilidades a desenvolver no noso Concello.

Dentro destas ferramentas, propoñemos o que consideramos poden supoñer unha serie de medidas eficientes e útiles para mellorar a vida das persoas e reducir a pobreza.

Estas medidas tomarían forma nun Plan Local de Loita contra a Pobreza, para o que, consideramos podemos partir da premisa establecida nos Obxectivos comúns da UE contra a pobreza e exclusión social (2001/C 82/02) en concreto:

Fomento da participación do emprego e acceso aos recursos, dereitos, bens e e servizos por parte de todas/os

Prevención dos riscos de exclusión

Actuación a favor das/os máis vulnerables

Mobilización de todos os axentes.

Polo tanto, en coherencia con estes puntos, propoñemos que o Plan a desenvolver debería incluír as seguintes funcións:

Creación de espazos de coordinación e traballo técnico en torno á loita contra a pobreza. Elaboración dun convenio marco no que participaran as administración con competencias en Política Social, especialmente Xunta de Galicia e Concello de Vigo, así como o establecemento Mesas de traballo onde participen de xeito vinculante entidades sociais, veciñais, de loita contra a pobreza e exclusión social, de axuda as persoas migrantes, etc… que permitan establecer relacións, compartir recursos e deseñar actuacións conxuntas.

Asegurar a partida orzamentaria das Axudas de Emerxencia coa participación das dúas administracións mediante convenio vinculante. Ademais se ampliarán os baremos económicos para que non queden centos de familias fóra. Estableceranse tamén axudas e bolsas para que as familias poidan acceder a recursos terapéuticos (terapia de familia, logopedia, atención temperá…), actividades de apoio educativo, actividades extraescolares, culturais e deportivas.

Modificar os baremos de acceso ás Escolas Infantís Municipais, reservando prazas específicas para familias derivadas desde os servizos sociais.

Realizar un estudo diagnóstico para establecer un mapa das entidades sociais que traballan no ámbito da pobreza e exclusión social, para poñer en valor e ordear as accións que estas entidades, colectivos e grupos de cidadás e cidadáns da nosa cidade están realizando.

Potenciar a formación para profesionais e o deseño de metodoloxías de intervención que dean resposta ás necesidades das persoas que se atopan nunha situación de pobreza ou en risco de exclusión social.

Por todo isto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo instamos a esta Corporación Municipal a adoptar o seguintes

ACORDOS

1 – Levar a cabo as contratacións necesarias no Concello de Vigo na Área de Política Social para cumprir co proporción de 1 traballadora/dor social por cada 8.000 habitantes.

2 – Iniciar o proceso para a elaboración dun Plan contra a Pobreza na nosa cidade, baseado para o seu funcionamento, na máxima colaboración entre institucións. Dito plan terá que partir dun acordo marco (convenio) entre a Xunta de Galicia e Concello de Vigo que contemple recursos económicos e reparto competencial.