moción da marea de vigo para unha política urxente en materia de vivenda con protección pública, para a mobilización da vivenda baleira e para afrontar os gastos de aloxamento das familias viguesas en situación de vulnerabilidade.

25 de Setembro de 2020

A pesar de que reiteradamente o noso Grupo municipal ven alertando con numerosas mocións e iniciativas dos crecentes problemas que viven diariamente numerosas familias viguesas para ter acceso a unha vivenda digna e as dificultades para a asunción dos custes de permanecer nelas; o certo é que lonxe de artellarse políticas públicas que eviten a cronificación deste problema, os avances institucionais e de recursos públicos son absolutamente insuficientes.

A crise da COVID-19 puxo, por desgraza, rostro e realidade a esta situación, xa que centos de familias, ate o de agora sen problemas para afrontar a súa solución habitacional, véronse inmersas en serias dificultades para o pago de alugueiros que, pese a que se paralizaron os procesos xudiciais relacionados coas vivendas alugadas, abriron xa numerosas reclamacións de propietarios.

Nos últimos meses os medios de comunicación veñen recollendo a crecente preocupación da cidadanía por causa da escaseza de vivenda para alugueiro, así como do importante aumento dos prezos dos mesmos. A causa principal desta emerxencia habitacional semella clara, posto que moitas das vivendas que anteriormente eran destinadas ao alugueiro, fose para familias ou fose para estudantes, agora son destinadas ao uso turístico. Un fenómeno que non para de crecer na nosa cidade especialmente no Casco Vello e zonas centrais da cidade e, se ven a crise da COVD-19 paralizou momentáneamente a súa progresión, o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas volta a amosar unha tendencia crecente de uso de vivenda para esta actividade.

Paulatinamente asistimos a un crecemento exponencial das persoas con problemas para afrontar o pago de alugueiros que peregrina entre os edificios do Concello e da Xunta para atopar solucións que ou ben pasa por axudas para afrontar soamente dous meses ao máximo o pago dos alugueiros ou un incomprensible silencio ou anuncio de “falla de recursos” dos programas autonómicos de vivenda como o Reconduce, onde debería xa estar dotados os recursos económicos que o goberno central tranferíu ás comunidades autónomas para afrontar o aumento de esta problemática coa situación de crise económica e social devengada da COVID-19.

Vigo nestas alturas carece de oferta pública de vivenda, tanto de nova construcción, como de vivenda pública de emerxencia social ou mecanismos análogos para dar solución habitacional ás familias máis vulnerables. Algo que é obsceno cando temos na cidade só no rexistro de demandantes de vivenda de protección inscritas 5.302 persoas (dun total autonómico de 15.000), máis do dobre da seguinte cidade, que é Coruña con 2.555. Ademáis cun formato de demanda que tampouco se adapta ás previsións e formatos da futura e esclerótica oferta pública de vivenda, xa que esta maoritariamente será vivenda pública en venda con prezo tasado e o que amosa o rexistro é que dos 5.302 vigueses e viguesas que demandan vivenda con algún tipo de protección, 4108 o fan en réxime de alugueiro ou alugueiro con opción a compra.

 

Ante esta situación, o Partido Popular da Xunta paralizou a construción de vivenda de protección deliberadamente e só reacciona cando a situación é xa insostible, como é o caso do PAU de Navia. O Rexistro debería de funcionar como orientador da cantidade de vivenda de protección que ten que promocionarse, pero nos últimos 5 anos en Galicia só se iniciaron unha media de 15 vivendas ao ano. Galicia está á cola do Estado en vivenda de protección, só por diante de Ceuta e Melilla. Fronte a esta realidade, o Partido Popular e grupos mediáticos concretos comenzan unha ridícula campaña sobre un suposto grave problema relacionado coa mal chamada “okupación” que identifica ridículamente a entrada a vivir de persoas en inmobles determinados (no caso da nosa cidade abandonados ou propiedade de bancos ou en subastas xudiciais) coa falsa idea de ocupación de primeiras, segundas ou vivendas vacacionais, algo que na nosa cidade é igual a 0.

 

Por outra banda, e arrogando un conflicto competencial ridículo xa que os concellos do estado están asumindo sen problemas políticas de promoción pública de vivendas, creación de parques municipais, etc.., o Concello de Vigo non quere asumir politicas de acción directa no parque e nas políticas de vivenda na cidade. Porque tan pouca competencia municipal é baixo ese criterio intepretativo da Lei de Bases de Réxime Local a vivenda, como o é o alumeado de nadal (relacionado coas competencias en materia de comercio maioritariamente autonómicas) ou as becas de inglés (competencia educativa que reparte o estado central e o autonómico).

Polo exposto, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:

 

Ao Concello de Vigo:

1.- Estudar a creación dun PARQUE MUNICIPAL DE VIVENDA DE EMERXENCIA con vivendas procecentes de cesións da SAREB, aproveitamentos lucrativos de convenios urbanisticos e cesións voluntarias de activos de entidades bancarias.
2.- Desenvolver un estudo sobre o uso da vivenda en todo o termo municipal de cara a regular a compatibilidade entre vivendas de uso turístico e vivendas de uso residencial co obxectivo de garantir a existencia dunha bolsa suficiente de vivendas para o seu alugueiro.
3.- Apertura inmediata dunha oficina específica e descrentalizada nos centros de distrito a ser posible, para o asesoramento de políticas de vivenda, situacións de emerxencia e vulnerabilidade e obtención de axudas habitacionais.

 

Á Xunta de Galicia:

4.- Instar ás modificacións lexislativas precisas para evitar o aumento dos alugueiros en Galicia e as prácticas especulativas relacionadas con un dereito constitucional como é a vivenda.
5.- Instar á creación dun imposto autonómico de vivenda baleira para grandes posuidores cando esta non cumpra coa súa función social, que impida a especulación coa vivenda.
6.- Aumentar os fondos adicados á construcción de vivenda de protección pública e as axudas para a rehabilitación verdadeiramente vinculadas á saída da vivenda ao mercado de alugueiro.

Ao Goberno do estado:

7.- Modificar a lexislación vixente para o regulamento claro dos prezos dos alugueiros e a vivenda pública.
8.- Aumento das partidas públicas contidas no Plan Estatal de Vivenda relacionadas coa rehabilitación de vivendas para a súa entrada regulada no mercado de alugueiro
9.- Aumentar sensiblemente nos PXE 2021 as partidas do Estado (sexan xestionadas directamente ou transferidas ás CCAA) relacionadas con políticas públicas de vivenda.